A ‘escasa’ casa en tempos do coronavirus | María Carreiro e Cándido López

Florentino Ariza e Filomena Darza, protagonistas do amor nos tempos do cólera, novela de Gabriel García Márquez, íllanse voluntariamente dos demais nun barco que navega polo río para gozar do seu amor. A nós, agora, tócanos vivir un illamento obrigado nun espazo doméstico que fomos reducindo en superficie e programa, eliminando todo o considerado inútil. E só cando nos enfrontamos a unha situación extraordinaria empezamos a detectalo. E a vivilo.

A casa estándar da nosa época alóxase nun edificio cuxo único recinto común é un magro portal. Con sorte, contará coas dimensións xustas para o paso dunha padiola, e se ten ascensor, co espazo de movemento para unha cadeira de rodas. Pola súa banda, a vivenda constará dun recibidor, unha cociña, un salón-comedor, dous ou tres dormitorios, dous baños, un corredor e un tendedero. Estancias que se agrupan no que os profesionais da arquitectura chamamos zona de día e zona de noite. Todas elas reguladas polas normas de habitabilidade, que fixan dimensións e superficies mínimas para cada peza, segundo estritos criterios de uso. Estes mínimos establécense considerando a triada traballo-lecer-descanso. Obvian, con todo, aspectos tan presentes na vida cotiá como o traballo doméstico, sobre todo o que incumbe ao ciclo da roupa e o ajuar, a enfermidade, ou o estudo. Desde logo non contempla o teletraballo, nin a intimidade das e os moradores, un aspecto que reclaman os expertos sobre boa convivencia e xestión do tempo nestes días.

Tamén están o soleamento e a ventilación. Terán vostedes fortuna se viven nun piso alto, pero se están nun primeiro de calquera barrio, pouco verán o sol, aínda que a cambio igual dispoñen dunha terraza no patio interior. Tamén a terán se as súas xanelas miran cara a un xardín, unha praza, ou se gozan de visuais afastadas, máis aló da fachada de en fronte. Certamente, se o fogar dispón de conexións de banda ancha suficientemente boas, a tecnoloxía propicie a reunión virtual con amizades e familia. Ou tal vez, mortifique e aliene cunha sobreinformación adictiva.

Curiosamente, no noso país, Galicia, renunciamos aos balcóns e as terrazas: “non son útiles”, dicimos. Para que?, se se mollan coa choiva, fai frío, dá o aire, hai que limpalos… E se algún día dispuxemos deles, pechámolos con vidro, gañando máis superficie para o salón ou o dormitorio.

E así estamos. Confinados, con pouco espazo para compatibilizar o traballo doméstico habitual cunha convivencia sen rozamentos. Co teletraballo, o estudo infantil e adolescente, a enfermidade.

Os espazos sen uso definido, os espazos propios, os espazos de intermediación, aqueles que parecen non ter cabida na nosa contorna nin nas nosas casas, xogarían hoxe un papel relevante.

Quizais ao retomar a vida como era hai pouco máis dunha semana, esteamos en condicións de pensar sobre a residencia urbana cunha mirada nova, a que achega a perspectiva de xénero. Descoñecida e ignorada polos responsables da política de vivenda, centrados principalmente na eficiencia enerxética e económica da produción inmobiliaria. A través dela cuéstionanse os tópicos do programa do edificio e da vivenda convencional, así como a superficie mínima e a obrigada utilidade dos espazos.

Esta mirada expón unha casa capaz de soportar a incerteza e os imprevistos, con espazos de uso común, pero tamén lugares propios, para un mesmo. Ai dun patio ou unha azotea á que acudir a tomar o aire e ver algo máis que as catro paredes dun cuarto! Dun pequeno lugar a cuberto no que os nenos corran un intre, só un intre… Ou dun lugar propio no que sentar a coser, ler, mirar, ou pechar os ollos, ou simplemente estar.


Odioso coronavirus, talvez cando te afastes teñamos a oportunidade de continuar analizando como e onde vivimos. Esperamos estar aquí para achegar canto podamos.

María Carreiro e Cándido López
Profesores e investigadores da ETSAC
Membros do estudio Mccl arquitectos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *